A Asociación Bioeco2 busca axudar os propietarios forestais a través do “Manual do Herdeiro Forestal”

A Asociación Bioeco2 busca axudar os propietarios forestais a través do “Manual do Herdeiro Forestal”

BIOeCO2 é unha asociación técnico-profesional do ámbito forestal e do medio natural. “Un proxecto conxunto entre empresas de consultoría técnica forestal, que conecta a este colectivo e facilita o desenvolvemento activo destas empresas” en palabras de Manuel Beiro, membro desta.

Entre os obxectivos de BIOeCO2 están a promoción das actividades e servizos dos seus membros, así como a promoción dun ecosistema de colaboración en materia de innovación forestal. Ademais, pretende visibilizar a actividade profesional forestal e o papel protagonista que esta ten na loita contra o cambio climático e a descarbonización.

Manuel Beiro cóntanos que, seguindo esta idea “xurdiu a idea de presentar un proxecto ao Plan Social Ence Pontevedra, coa mirada posta en botar unha man na promoción da xestión forestal e chegar ao pequeno propietario, que é a base da economía forestal galega”. Así nace o proxecto Manual do Herdeiro Forestal co obxectivo de “poder transmitir á sociedade e aos produtores forestais algunhas ferramentas básicas para animalos a seguir co traballo dos seus antecesores” prosegue Beiro.

A través desta guía básica preténdese transmitir o abecé para a posta en marcha dunha explotación forestal en minifundio. Estas nocións van desde a área legal de herdanza, ata a identificación de parcelas ou a elección da finalidade da explotación, sen esquecer temas como a propia produción ou a protección das parcelas.

Ademais, Manuel Beiro trasládanos que a ilusión do proxecto é contribuír a mitigar os principais problemas aos que se enfronta o rural hoxe en día, a través da “promoción da xestión forestal sostible, evitar o abandono e facilitar a conexión co territorio”. Aínda que recoñecen que non é tarefa sinxela, confésanos que a forma que coñecen para logralo radica en facelo “con ilusión, mostrando as oportunidades que existen e facéndoos partícipes e responsables na conservación da biodiversidade e na xeración de produtos de orixe sostible para unha nova bioeconomía cun grandísimo potencial en Galicia”.

Actualmente, o proxecto atópase en fase de revisión, e estímase que verá a luz nos próximos meses, buscando chegar a todos os propietarios forestais galegos.

Para finalizar, desde a asociación BIOeCO2 confían en que o seu Manual do Herdeiro Forestal poida axudar a moita xente. Así mesmo, agradecen a Ence a oportunidade de “poder ser partícipes dunha actividade de tanto impacto e de demostrar que esta profesión é unha peza fundamental na cadea de valor”.

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2024.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)