Afapo e Ence fomentan actividades de lecer para previr as enfermidades neurolóxicas dexenerativas
En Galicia existen preto de 70.500 persoas con Alzheimer ou algún outro tipo de demencia, afectando ao 12,5% das persoas maiores de 65 anos e ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos. Afapo, a asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias da provincia de Pontevedra, nace un 19 de febreiro do 2004 #ante a necesidade de atender as demandas dun grupo de familiares afectados polas consecuencias desta enfermidade.
Esta asociación que conta con ata 455 socios, dous centros de día e un centro terapéutico ten como obxectivos: prestar asistencia psicolóxica e moral ás familias, así como informarlles con relación a cuestións legais, sociolóxicas e económicas; concienciar á sociedade na importancia do diagnóstico precoz da demencia; e organizar diferentes eventos informativos e divulgativos sobre esta enfermidade.
Como beneficiarios do Plan Social de Ence Pontevedra e #ante o incremento na esperanza de vida dos galegos/as durante a última década, Afapo puxo en marcha un proxecto que pretende mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos sen deterioración cognitiva dos concellos de Pontevedra, Poio e Marín. Así, exercen un traballo fundamental en prevención de enfermidades neurolóxicas dexenerativas xa que, “para estes casos non existe ningún recurso público”, reivindica a asociación.
Con motivo de previr a exclusión social e fomentar un envellecemento activo do devandito colectivo, esta asociación está a levar a cabo diferentes actividades na comarca que promoven “a estimulación a nivel cognitivo” que, relacionadas co medio ambiente, a cultura ou o lecer, fomentan as relacións sociais e a interactuación co medio das persoas participantes. “Desta forma pretendemos diminuír o sentimento de soidade ou illamento que moitas veces prodúcese nesta etapa da vida”, destacan.
Actualmente, este proxecto está a contar con “unha alta porcentaxe de participación e aceptación; habendo incluso lista de espera nalgúns dos municipios onde se está desenvolvendo”, aseguran desde Afapo. Con este seguimento e visibilidade esperan poder seguir ofrecendo estas terapias non farmacolóxicas a máis persoas xa que, son “a única forma de retardar a enfermidade en combinación coas terapias farmacolóxicas”, defenden.
Así, grazas á axuda do Plan Social de Ence Pontevedra, Afapo seguirá facendo un traballo de fundamental en materia de prevención e concienciación sobre as enfermidades neurolóxicas para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores.