O fútbol feminino chega a Pontevedra da man do Salgueiriños CF e Ence
Nos últimos anos, o fútbol feminino gañou un gran impulso e cada vez máis nenas queren practicar este deporte. Óscar Guimeráns, presidente do Salgueiriños CF, lembra que, ata hai pouco, “en Pontevedra non había ningún equipo feminino”.
Todo comezou co cambio na presidencia. En 2022, Carlos Menéndez, fundador do club pontevedrés, abandonaba a presidencia despois de 60 anos á fronte e, Óscar Guimeráns, convertíase no seu substituto. A nova xunta directiva tiña claro que había que poñer en marcha unha sección feminina e, ese mesmo ano, aproveitando o 60 aniversario da entidade, comezaron a dar os primeiros pasos.
“Loxicamente, os primeiros retos foron o de captación de xogadoras e o de conseguir un adestrador que reunise as condicións necesarias”, afirma Guimeráns. Pero o paso máis complicado chegou á hora de conseguir o financiamento. Os equipos están moi deslocalizados, polo que o gran gasto provén das viaxes que as xogadoras terán que facer por toda Galicia.
Viron o Plan Social Ence Pontevedra como unha gran oportunidade de conseguir ese financiamento e aplicaron sen dubidalo, algo que agora agradecen: “Ence é o piar fundamental, porque sen axuda sería moi complicado poder levar a cabo esta sección”, admite o presidente.
Así é como conseguiron formar dous equipos en Liga Galega que xa empezaron a competir, un alevín e un cadete en Liga Galega. Guimeráns asegura que poderían ter un equipo máis, pero que “as franxas de idades non son homoxéneas e decidimos xuntar no alevín algunhas nenas de idade benjamín e no cadete algunhas nenas de idade infantil. Isto, permitiralles crear “un ou dous” equipos máis no futuro”.
Varias probas de equipos femininos xurdiran na cidade do Lérez, pero nunca lograron consolidarse, algo clave para o Salgueiriños CF: “o primeiro gran triunfo foi conseguir captar entre 40 e 45 nenas, e foi un gran éxito”.
Dende o Salgueiriños CF agradecen a axuda do Plan Social de Ence. Grazas a ela poderán dedicar todos os seus esforzos a dar unha formación de calidade ás súas xogadoras e a empezar a crecer como equipo.