Servizo integral para pacientes con Parkinson, a misión de Apropark

Servizo integral para pacientes con Parkinson, a misión de Apropark

Hai algo máis de 20 anos naceu en Bueu unha pequena asociación, denominada Asociación Parkinson Galicia Bueu, co obxectivo de coidar e acompañar ás persoas que sufrían esta enfermidade. Non tardaron moito en ampliar o seu radio de actuación. Así, en 2013 levaron o seu labor ata Vilagarcía de Arousa e, en 2019, a Pontevedra. Como consecuencia, tiveron que cambiar o seu nome ao actual: “Asociación Parkinson da provincia de Pontevedra.

A día de hoxe, centran a súa actividade en “mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e a dos seus familiares”, e lógrano ofrecendo un servizo multidisciplinar do que hoxe gozan unhas 180 persoas. E é que, a través de diferentes campos, como a psicoloxía, a logopedia, a fisioterapia ou o traballo social, pretenden acompañar ao enfermo e á súa familia en todas as problemáticas derivadas da enfermidade que poidan xurdir.

O proceso para lograr esta atención personalizada baséase en tres fases: unha primeira de coñecemento, na que “facemos unha entrevista de aproximadamente unha hora, que nos axuda a saber se podemos dar resposta ás necesidades da persoa”, sinalan; unha segunda de valoración profesional, onde “se fai unha valoración por parte de profesionais e desenvólvese un plan de atención individual e personalizado para cada persoa”, explican; e unha última de seguimento. Esta realízase cada catro meses e pretende examinar a evolución de cada paciente para adaptar o coidado da mellor maneira posible”.

Tanto é así que desde Apropark contan cun equipo de profesionais dedicado a cada ámbito no que centran os seus coidados, desde a logopedia ata a terapia cognitiva ou a física. Este coidado tan especializado nótase na cantidade de demandantes, que aumentou notablemente nos últimos anos.

Neste sentido, e con ese afán de seguir crecendo e poder chegar a moita máis xente, a asociación decidiu acudir á IV Convocatoria do Plan Social Ence Pontevedra. Conseguiron ser beneficiarios e lograron unha axuda que, admiten, “axúdanos moito, entre outras cousas para garantir un salario digno aos nosos traballadores”. E a estabilidade que dá contar cun equipo propio permite a Apropark ofecer un mellor servizo que, esperan, aumente nos próximos anos. “Necesitariamos un local moito máis grande para facer moitas máis actividades, e que se adapte ás nosas necesidades; agora mesmo estamos con lista de espera, porque non podemos asumir máis pacientes”, consideran.

Para iso, agradecen a axuda do Plan Social e esperan seguir contando con ela. Entre os seus próximos obxectivos atópanse os de conseguir un novo centro de maior tamaño en Pontevedra ou recuperar algunhas actividades para os pacientes, como a de piscina. Confían en facelo e en “chegar ao máximo número de persoas”, conclúen.

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2024.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)