Con Emoción Events é unha empresa dedicada á planificación e a montaxe de eventos “que acheguen aos nosos clientes e á sociedade momentos únicos, emocionantes e diferentes, sempre comprometidos coa contorna” sinala Sandra Mesías, directora da entidade.
“En numerosas ocasións, os clientes solicítannos realizar visitas a contornas próximas ás localizacións onde terán lugar os seus eventos, e alí somos testemuñas da gran cantidade de plásticos que invaden a nosa contorna” trasládanos Sandra. É así, como xorde a idea do proxecto “Compromiso coa Ría de Pontevedra” presentado ao Plan Social.
“Cremos que a natureza forma unha parte moi importante da nosa vida e coidalo é responsabilidade de todos” afirma a directora. Así mesmo, confésanos que con este proxecto queren devolver unha parte do que a natureza nos achega.
A idea materialízase nunha limpeza de zona do paseo Ostreira (Poio) unha zona moi castigada pola presenza de plásticos e demais residuos xerados pola actividade humana. Nela participarán “cen nenos/as do Colexio CEIP Lourido, que gozarán dun día ao aire libre mentres tratamos de concienciar e poñer o noso granito de area para facer deste mundo, o seu futuro e o noso, un lugar mellor para vivir” explícanos Sandra Mesías.
Actualmente atópanse confirmando os permisos e coordinando aos equipos para esta cita, que terá lugar o vindeiro venres 14 de xuño. Desde a organización esperan que “eses cen coidadores/as da contorna gocen dunha experiencia única, cunha achega, tamén única, para a sociedade”.
Cabe destacar que, desde a empresa, queren ir máis aló, e expresan que un dos proxectos que lles gustaría presentar en convocatorias vindeiras é converter os residuos recolleitos en mobiliario urbano e elementos para decoracións. “Ese sería realmente o noso soño” confésannos.
Desde Con Emoción Events teñen claro que seguirán traballando por coidar a contorna e agradecen poder contar con Ence para poder desenvolver este proxecto.