Libélulas BCS: o poder do remo contra o cancro de mama

[addtoany]

O cancro de mama transforma a vida de quen o enfronta, pero en Pontevedra, un grupo de mulleres atopou no deporte unha vía de recuperación. En 2024 naceu a asociación Libélulas BCS (Breast Cancer Survivors) e o seu equipo de Dragon Boat, unha disciplina milenaria que, desde hai décadas, simboliza a superación das sobreviventes desta enfermidade.


O equipo adestra semanalmente no Club Naval de Pontevedra, onde cada sesión é un exercicio de forza e apoio mutuo. «O paleo axúdanos a recuperar mobilidade, reducir a fatiga e mellorar a autoestima», comenta Isabel Lema, presidenta da asociación. Os movementos repetitivos do remo facilitan a recuperación postquirúrgica e preveñen secuelas como o linfedema ou a rixidez muscular. Ademais, o Dragon Boat actúa como terapia emocional: «Permítenos sentir que controlamos a nosa recuperación e fortalece os lazos de compañeirismo».


Este proxecto vai máis aló dos adestramentos. Durante o ano, organizan iniciativas como a Ofrenda Floral, unha homenaxe ás compañeiras falecidas, celebrado entre as pontes das Correntes e do Burgo, que se iluminan para a ocasión. Tamén participan en congresos médicos e colaboran con entidades de saúde para visibilizar os beneficios do exercicio na recuperación.


Coa vista posta no futuro, Libélulas aspira a consolidarse en competicións nacionais e internacionais. «O deporte permítenos viaxar, coñecer a outras mulleres e compartir experiencias», sinala Isabel. Para seguir crecendo, contan co apoio do Plan Social de Ence Pontevedra, un respaldo crucial que lles facilitou o equipamento, os desprazamentos e a organización de eventos. «Permítenos facer viable o proxecto e chegar a máis mulleres», engade.


Tras o seu primeiro ano, Libélulas segue avanzando con forza, apoiada polo Plan Social de Ence Pontevedra e o compromiso dos seus membros. A súa presidenta convida a todas as mulleres que estean a pasar por este proceso para unirse ao equipo e descubrir os beneficios do Dragon Boat. «Adestramos os martes, sábados e domingos no Club Naval. Sempre hai un remo esperando por ti».

NOTICIAS RELACIONADAS