A formación de pemes e emprendedores, crucial en tempos de pandemia, obxectivo de AEMPE xunto co Plan Social de Ence en Pontevedra
O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou a principios do mes de febreiro a primeira análise da demografía empresarial durante a pandemia. As cifras falan por si soas: a crise pola Covid-19 obrigou a botar o peche a 323.000 autónomos, o 10% do total, e provocou a desaparición dunha de cada seis empresas.
As dificultades para os autónomos e pequenos empresarios víronse multiplicadas durante a explosión da Covid-19, pero o certo é que desenvolverse por conta propia nunca foi unha tarefa sinxela. Un dos inconvenientes máis habituais é o facer fronte á xestión empresarial do negocio, cando ademais recae sobre un mesmo o peso da actividade profesional.
Para unha gran parte dos emprendedores isto supón un problema importante ao que se suma unha formación limitada en cuestións como a contabilidade, ou como deben tributar, por exemplo. Con todo, están a xurdir iniciativas que buscar axudar a estes profesionais para alcanzar os coñecementos e habilidades para levar a bo porto o seu negocio ou actividade.
É o caso do “Programa Experto en Xestión de Pemes” que a Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da Provincia de Pontevedra (AEMPE), puxo en marcha coa colaboración do Plan Social de Ence en Pontevedra. Trátase dun proxecto impulsado pola entidade do mesmo nome e dirixida tanto a emprendedores que buscan crear o seu negocio propio como a empresas xa consolidadas que queren comezar a materializar novas ideas.
Con esta iniciativa, AEMPE busca poder axudar a resolver inconvenientes ou situacións que moitas persoas que desexan iniciar un negocio descoñecen, para que se poidan centrar en ser os mellores no seu campo profesional. Para iso, pon en marcha este curso de formación impartido xunto a Galicia Business School, que formará aos participantes en nocións xurídicas, estrutura e organización de empresa, e en estratexias e técnicas de márketing, entre outras materias.
AEMPE leva no seu ADN a vocación cara ás Pemes e os emprendedores, unha visión que Ence valora con fartura dado o seu compromiso co emprego e a contorna nos lugares onde mantén a súa actividade. É por iso que co seu Plan Social, quixo colaborar nunha iniciativa para impulsar ao pequeno emprendedor, un actor moi afectado pola pandemia.
Coa súa participación en programas como este, Ence quere contribuír a dar apoio á actividade profesional dos pontevedreses que ben por vocación, ou ben por buscar unha saída laboral, optan por emprender un negocio propio. Con iso, referenda o seu interese en actuar como un axente comprometido coa dinamización da economía de Pontevedra, e a creación de emprego na localidade.