De Hong Kong a Marín: unha viaxe cara á prevención de incendios
Sitrav é unha empresa marinense dedicada á dixitalización de procesos e profundamente implicada coa innovación e a mellora continua. “Sempre cremos na importancia de estar ao tanto das últimas tecnoloxías disruptivas, xa que estas son o cimento das futuras innovacións” afirma a súa CEO, Jorge Cajiao.
Hai uns anos, cando viaxaron a Hong Kong para asistir a unha feira tecnolóxica de renome internacional, descubriron unha gama de sensores que, non só detectaban concentracións específicas de gases, senón que tiñan un desenvolvemento potencial para recoñecer combinacións complexas, esencialmente cheiros. Tivérono claro e nese momento xurdiulles a pregunta “e se puidésemos detectar incendios mediante o cheiro, moito antes de que as cámaras teñan a oportunidade de detectar o fume?” cóntanos Cajiao.
Así que se puxeron ao choio e comezaron a construír o proxecto do “nariz electrónico”. Este aparello situaríase preto de masas forestais para percibir incendios a través do cheiro e, unha vez detectados, avisaría aos servizos de emerxencia.
O obxectivo de Sitrav é poder despregar os dispositivos da súa primeira produción na campaña de prevención de incendios do 2024 e, para iso, contan coa axuda do Plan Social de Ence Pontevedra. “A axuda recibida do Plan Social Ence proporciónanos a capacidade para acometer as fases de pilotaxe da solución” recoñece o CEO de Sitrav.
Así mesmo, queren converterse na solución para que as perdas materiais, derivadas dos incendios, non teñan a súa causa na detección tardía. “Cremos neste proxecto como unha solución tamén destinada á protección das contornas rurais e de núcleos urbanos lindeiros con masas forestais, xa que todos os anos vemos como hai xente que ten que abandonar os seus recordos de toda unha vida e velos desaparecendo sen capacidade de reacción” sinala Cajiao.
Para finalizar, desde Sitrav afirman que “o noso ideal é recoller parte do coñecemento que Ence ten e dixitalizalo. Queremos traducilo nun valor tecnolóxico que achegar aos nosos bosques para maximizar e potenciar a conservación e coidado de estes”.