Marta Domínguez: obxectivo Los Ángeles 2028

Marta Domínguez: obxectivo Los Ángeles 2028

O squash será deporte olímpico nas Olimpíadas de Los Ángeles 2028. Como todo deportista, Marta Domínguez soña con acudir á cidade americana e “poder ter esa experiencia de competir cos mellores deportistas de todas as disciplinas”. Pero toda a ilusión desta viguesa nace dunha casualidade que ocorreu debaixo do estadio do Celta de Vigo.

En 2012, as xemelgas María e Marta Domínguez acudiron ás pistas de squash de Balaídos. Alí adoitaba xogar o seu pai co seu primo e, xusto o día que foron, este último caeu lesionado nada máis comezar o partido. Para aproveitar a reserva, Marta e a súa irmá entraron a pelotear, coa fortuna de que xusto pasou o presidente do club de squash de Vigo e animounas a participar nas escolas deportivas do club.

Marta comezara xogando ao fútbol como actividade extraescolar e tamén practicara tenis e atletismo, pero desde aquel momento, o squash entrou de cheo na súa vida. Apuntouse ás escolas deportivas e empezou a cultivar resultados desde unha idade moi temperá: “Con 12 anos xa quedei campioa de España na miña categoría, e durante toda a etapa junior fun gañando os campionatos de España da miña respectiva idade, así como indo coa selección española, coa que quedamos terceiros de Europa”, afirma.

A pesar de todas as vitorias, nunca esperou entregarse tanto ao squash. “Nunca tiven claro que quixese dedicarme a iso, víao un mundo moi grande, e que era un paso xigante que dar. Nunca pensei que fóra a chegar onde estou agora”, asegura.

Aos 15 anos empezou a adestrar no Squash Pontevedra e aos 19 mudouse á capital para estudar Ciencias da Actividade Física e o Deporte e seguir adestrado. E seguiu progresando. Hai dous anos gañou o seu primeiro campionato de España como profesional, o ano pasado foi semifinalista do europeo e leste conseguiu a clasificación para o Mundial de Chicago: “É difícil quedar cun en concreto. Todas as vitorias son sufridas e especiais por algún motivo”, sinala.

Neste momento ocupa o lugar 61 na clasificación mundial e os seus dous obxectivos son entrar no top 50 e acudir á cita olímpica de Los Ángeles 2028. “Desde que se anunciou que o squash será olímpico, o meu soño é poder representar ao meu país nesas Olimpíadas”, admite.

Para lograr eses obxectivos, acudiu ao Plan Social Ence Pontevedra por primeira vez e móstrase moi satisfeita: “O meu obxectivo é progresar na clasificación mundial. Para iso, teño que participar nas competicións do circuíto que se celebran por todo o mundo. Esta axuda servirá para sufragar os gastos que iso supón, ademais dos que teño en Pontevedra para preparar estas competicións”, admite.

De momento, parece que todo marcha ben. Esta fin de semana, Marta conseguiu a súa primeira vitoria no World Tour de Squash na ACE Malaysia Cup, gañando á anfitrioa Ainaa Amani, nun torneo que non podería disputar sen a axuda do Plan Social.

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2024.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)