A Praza de Abastos de Marín avanza cara á sustentabilidade

A Praza de Abastos de Marín avanza cara á sustentabilidade

A Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos de Marín é a encargada de defender aos placeiros. Dende xullo do ano 2002, cando foi fundada, encárgase de defender e axudar a cada un dos membros que venden produtos nuns dos edificios máis emblemáticos da localidade.

Este enclave marinense sempre foi un local de encontro para os aldeáns e a Asociación foi crucial para que siga sendo así. Ao longo dos últimos anos lograron dar unha cara moderna ao edificio. “Un dos obxectivos máis importantes que nos fixamos é revitalizar o Mercado de Abastos de Marín, tras a reforma que sufriu a estrutura e utilizar ferramentas de dinamización comercial para lograr a fidelización dos clientes”, afirma Helena Caiña, xerente da Asociación.

E é que a súa loita por manter viva a praza materializouse en moitas iniciativas. Algunhas poden parecer menos sorprendentes, como a da implementación dunha páxina web na que poder comprar en liña, pero outras ―rompedoras― demostran o traballo que hai detrás da Asociación. “Somos o primeiro mercado en contar cunha máquina de reciclaxe selectiva, na que se depositan envases de plástico e aluminio, a cambio duns incentivos económicos que se poden trocar nos postos asociados”, conta Caiña.

No seu afán por seguir avanzando, este ano decidiron optar ao Plan Social Ence Pontevedra. Todo empezou nunha asemblea de asociados. “Facendo un repaso do número de bandexas de poliestireno que se compraban durante o ano (preto de 50.000 uds.), decidimos tentar cambiar estes envases por uns que respectasen máis o medio ambiente”, revela a xerente.

“O poliestireno tarda entre 100 a 300 anos en descompoñerse na natureza e queriamos implantar o uso de bandexas 100% compostables”, recoñece Helena Caiña. Os membros da Asociación entenderon que tiñan que seguir avanzando en materia de sustentabilidade e solicitaron a axuda para cambiar o poliestireno pola celulosa virxe, un composto “congelable, utilizable no forno a 150°C durante 2 horas e reciclable cos residuos orgánicos e libre de todos os produtos químicos perigosos existentes nos envases de plástico ou poliestireno”, afirma Caiña.

Conseguiron a axuda e, “coincidindo coa Semana Europea da Redución de Residuos (EWWR), que ten lugar do 18 ao 26 de novembro, repartíronse máis de 9.100 bandexas 100% compostables” ―conta a xerente― a placeiros e clientes, así como folletos explicativos sobre os envases.

Desde a Praza de Abastos son conscientes de que aínda queda camiño por percorrer en materia de sustentabilidade e queren seguir traballando niso: “A nivel asociación nada nos faría máis felices que ser un lugar de referencia de responsabilidade ambiental”, recoñece a xerente. Por iso, agradecen e desexan seguir sendo beneficiarios do Plan Social. “Aínda que aínda quede moito para iso, gustaríanos seguir crecendo da man de plans como este, xa que consideramos que é unha boa iniciativa para que a xente empece a concienciarse”, resume Caiña.

No Comments

Post A Comment

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2023.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)