ANEDIA: Dando voz á enfermidade crónica máis frecuente

ANEDIA: Dando voz á enfermidade crónica máis frecuente

Fai algo máis de dez anos a diabetes xa estaba presente na vida de moitos/as pontevedreses/as. Por iso, un grupo de nais e pais da capital das Rías Baixas, que vivían esta enfermidade día a día na pel dos seus fillos/as, decidiron agruparse e formar unha asociación. Así naceu ANEDIA, co fin de loitar “polas necesidades dos seus fillos e fillas con diabetes, xa que sentían desprotexidos en moitos ámbitos, como o educativo e o sanitario”, afirman desde a propia entidade.

Nese momento, a asociación centrouse en defender #ante as institucións aos nenos e nenas afectados pola diabetes. Con todo, co paso dos anos foi aumentando en número de membros e “agora mesmo somos unha asociación de persoas e familias afectadas pola diabetes tipo 1, teñan a idade que teñan”, comentan, “e con case 500 socios, moi lonxe das 3 familias que iniciaron o proxecto”.

Aínda que a súa composición cambiou, o labor da asociación segue sendo o mesmo, do mesmo xeito que o descoñecemento da enfermidade, que segue sendo moi grande: “a diabetes segue sendo algo moi descoñecido, parece que todos sabemos algo de diabetes, pero na gran maioría de casos non é así. Cousas tan simples como facer un seguro de vida, ou asistir a unha excursión co teu cole poden volverse un inferno”, destacan desde ANEDIA.

Grazas a ese coñecemento, e aproveitando o lanzamento dunha nova convocatoria do Plan Social Ence Pontevedra, desde a asociación viron que era o momento de poñer en marcha o proxecto “E ti de que tipo es? Eu son tipo 1”. “Era o momento de materializar este proxecto que tiñamos en mente, falar de diabetes e aplicala aos ámbitos xa fóra do que son as consultas sanitarias”, sinalan.

Así, lograron saír beneficiarios da iniciativa social e arrincaron a súa idea que se centra en tres labores: “o primeiro son accións de visibilización e de educación en diabetes: que a xente coñeza o mínimo para poder entender que é a diabetes e que significa para as persoas afectadas; despois ensinar sobre alimentación e diabetes e, por último, actividades deportivas”, destacan. Neste último punto, teñen previsto colaborar con clubs da cidade, e é que é algo descoñecido que o deporte é algo capital para as persoas afectada.: “Durante moitos anos o deporte estivo prohibido para as persoas con diabetes, e agora considérase fundamental, pero segue habendo medo”, admiten.

Desde a asociación xa empezaron a poñer en marcha o seu proxecto e asistiron a varios colexios da comarca para “dar a coñecer, a toda a xente que podamos, máis acerca da diabetes, porque parece unha enfermidade común e coñecida, pero en realidade é unha gran descoñecida”, opinan desde ANEDIA

O obxectivo que perseguen é o de “que a inclusión plena chegue algún día; que as persoas con diabetes non teñan que dar explicacións nun colexio ou no seu traballo de por que necesitan facer certas cousas para non poñer a súa saúde en risco” e, neste sentido, dan as grazas a Ence por axudarlles a chegar a ese punto. “Ser beneficiarios do Plan Social permítenos levar a cabo este proxecto, que doutra forma sería imposible. ANEDIA segue sendo unha asociación pequena e queda fóra de moitas subvencións”, admiten.

A pesar diso, non se renden e queren seguir co proxecto os próximos anos, porque teñen claro que o seu labor é fundamental para axudar aos/as afectados/as, pero tamén porque, argumentan, no futuro esta enfermidade será protagonista. “A diabetes será nos próximos anos probablemente a enfermidade crónica máis frecuente, e non se é consciente do que significa ter diabetes”. E, nese camiño, queren que Ence este a o seu lado. “Oxalá que sigan apoiando este proxecto e outros que podamos poñer en marcha co tempo”, conclúen.

No Comments

Post A Comment

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2023.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)