O Plan Social de Ence Pontevedra promove o envellecemento con saúde xunto a AFAPO
Segundo un recente estudo da Universidade de Stanford, é concluínte que a partir dos 34 anos comezan a detectarse os primeiros signos de envellecemento nas persoas. Na súa observación, os investigadores da universidade norteamericana acharon que a partir desa idade o metabolismo comeza a volverse máis lento, modifícanse os patróns do soño, e empeza a notarse algunha dificultade para lembrar detalles.
Aínda que aos 34 anos aínda esteamos lonxe de necesitar que nos boten unha man para mellorar a mobilidade muscular, as habilidades cognitivas e mesmo a socialización, que axuda a espertar certas áreas do cerebro, a idades máis avanzadas si podería ser beneficioso cursar algún taller de memoria, ou enfocado a recuperar destrezas perdidas co paso dos anos.
Así o albiscou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias da provincia de Pontevedra (Afapo), quen, coa axuda do Plan Social de Ence en Pontevedra, desenvolveu o Proxecto “Prevención e Promoción para a saúde”, destinado a fomentar o envellecemento saudable entre os pontevedreses maiores de 60 anos que non conten con ningunha enfermidade neurodexenerativa.
Esta iniciativa, enmarcada dentro da III Edición do Plan Social, ten como obxectivo fundamental a prevención e fomento do envellecemento activo a través de diferentes actividades de estimulación cognitiva, novas tecnoloxías, horticultura e saídas culturais para potenciar as relacións sociais deste colectivo.
A área de actuación destinada á Loita contra a Exclusión Social de Ence achegou a axuda necesaria para poñer en marcha un proxecto que en palabras do Presidente de Afapo, José Manuel Fontela, “é importantísimo á hora de previr enfermidades como o alzhéimer ou outras demencias e para os que moitas veces non hai orzamento”. Para Fontela, “Grazas a Ence puidemos poñer en marcha un programa que tiñamos en mente desde hai moito tempo, moi necesario e que non sería posible sen o seu soporte”.
Trátase dunha iniciativa de promoción da saúde e o envellecemento activo, que Ence quixo impulsar como parte do seu compromiso coa sociedade pontevedresa, que se ve reflectido tamén en proxectos de promoción do benestar e a vida saudable como o desenvolvido por Afapo. Esta Asociación foi tamén beneficiaria do Plan Social en anteriores edicións, poñendo en marcha proxectos relacionados coa saúde mental e o equilibrio cognitivo.