Asociación Bicos de Papel: axuda incondicional aos afectados polo cancro infantil co impulso do Plan Social
Desde o ano 2017, a Asociación de axuda aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro Bicos de Papel, centra os seus esforzos en ofrecer un servizo integral de atención aos nenos afectados de cancro e ás súas familias. Foron os propios familiares dos/as nenos afectados os/as que crearon a asociación co obxectivo de axudar tanto aos pacientes como ás familias en todos aqueles detalles derivados da situación. E é que, admiten, que é unha enfermidade que “repercute en todo o núcleo do fogar”.
Así, desde a Asociación viron no Plan Social Ence Pontevedra unha oportunidade para mellorar aínda máis o servizo que prestan a familiares e pacientes. Así naceu o proxecto Aloumiños, que inclúe axudas económicas e de aloxamento, ademais de asesoramento ás familias e entretemento para “os nosos pelones”, como chaman na asociación aos/as pequenos/as afectados/as.
“Ás veces e como consecuencia da propia enfermidade, os proxenitores ven obrigados a reducir as súas xornadas laborais ou deixar temporalmente os seus empregos para estar cos seus fillos, o que mingua a súa capacidade económica”, comentan desde a asociación. Por iso, con este programa ofrecen aloxamento a aquelas familias que se desprazan ata o hospital vigués desde zonas afastadas das provincias de Pontevedra e Ourense e financian ata o 50% dos gastos que teñan as familias que se despracen ata Madrid ou Santiago.
Isto non é todo e Bicos de Papel tamén ofrece actividades relacionadas co reforzo educativo, a fisioterapia ou a asistencia psicolóxica, ademais de non esquecerse de entreter ás familias e pacientes a través dunha serie de actividades que se volveron fundamentais: “Hai familias que, tras unha recaída, chegaron a dicirnos que o único que lle daba forzas nese momento era saber que estabamos aí”, admiten.
A Asociación xa é toda unha institución dentro do hospital e referencia para familias que teñen que sufrir esta realidade. Neste sentido, desde Bicos de Papel son conscientes diso e esperan poder seguir co seu labor durante os próximos anos: “Eses comentarios de agradecemento, ou as miradas dos propios nenos son o noso impulso para continuar adiante”. Nese camiño, esperan contar coa “axuda fundamental” do Plan Social.