
IncluSURF: deporte inclusivo e compromiso ambiental na ría de Pontevedra
En Pontevedra e Poio, a Riders Surf School emprega o surf e o pádel surf como ferramentas de inclusión social e protección do medio ambiente. A través do proxecto IncluSURF, esta escola local con máis de 20 anos de experiencia transforma as ondas en oportunidades para colectivos vulnerables, como fillos e fillas de vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade e mozas en risco de exclusión.
Cada fin de semana, na praia fluvial do río Lérez e a zona da Seca, en Poio, estes grupos gozan do deporte nunha contorna natural privilexiada. Desta forma, a Riders Surf School soubo integrar unha clara dimensión social na súa identidade, achegando o surf a quen normalmente non teñen acceso a este tipo de actividades.
Grazas ao traballo conxunto con asociacións como Apico, Riders ofrece adestramentos adaptados para grupos reducidos, sempre co acompañamento de monitores titulados e comprometidos. Tal e como comenta Yago Chamorro, fundador da escola e adestrador, “as xornadas de IncluSURF organízanse o día antes, revisando a previsión do mar e do tempo”. En función das condicións do mar, practícase surf ou pádel, “terminando sempre cunha limpeza e mantemento da contorna”, apunta o adestrador.
E é que este proxecto destaca tamén pola súa vontade por concienciar sobre a necesidade de preservar o medio ambiente. As accións de limpeza e divulgación ambiental son cruciais nun programa no que non só se trata de formar aos mozos e colectivos vulnerables na práctica do deporte, senón de “axudar a poñer en valor o coidado e mantemento da nosa contorna natural”, declara Yago.
Esta iniciativa intégrase de forma natural na programación habitual de Riders, e o apoio do Plan Social de Ence Pontevedra permite dotalo do equipamento necesario para ampliar o seu alcance. Para Yago, é Plan Social supón “un apoio fundamental, tanto económico como mediático”
Cunha previsión de 150 beneficiarios nesta nova edición, IncluSURF non é unha actividade puntual, senón unha liña de traballo con vocación de continuidade. “Seguiremos transmitindo coñecementos e valores aos nosos alumnos no medio acuático e asistindo a campionatos galegos e nacionais de surf adaptado”, conclúe Yago.