“Impulsando Emprego”, a iniciativa de BeProject xunto ao Plan Social de Ence Pontevedra que loita pola reincorporación ao mundo laboral de mulleres vulnerables

“Impulsando Emprego”, a iniciativa de BeProject xunto ao Plan Social de Ence Pontevedra que loita pola reincorporación ao mundo laboral de mulleres vulnerables

A Enquisa de Condicións de Vida (ECV), realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) en 2017, reflicte unha tendencia cara á masculinización da recuperación económica e unha feminización da pobreza, en todos os indicadores que se utilizaron para medir o crecemento económico tras a pasada crise de 2008.

Así, a porcentaxe de fogares en España que contan cunha baixa intensidade no traballo, un dato que reflicte o % de persoas maiores de 18 anos que traballaron menos do 20% do seu potencial no último ano, é do 12,9% en homes, e do 13,2% en mulleres. Igualmente, de acordo a este informe, o risco de pobreza tende a ser maior entre as mulleres.

Tras unha revisión rápida a estes datos, intúese necesario que xurdan iniciativas que busquen reverter esta situación, e faciliten a incorporación da muller ao mercado laboral, co obxectivo de mellorar a súa posición socioeconómica, e impulsar o seu benestar. É o caso do proxecto Ence – Impulsando Emprego II, unha iniciativa que puxo en marcha a Consultora de Recursos Humanos BeProject de Vigo, en colaboración co Plan Social de Ence en Pontevedra.

Este proxecto, englobado dentro da área de actuación de Loita contra a Exclusión Social do Plan Social de Ence, ten como finalidade ofrecer unha solución a mulleres vulnerables con alta necesidade de incorporarse ao mercado laboral, mediante actividades formativas e accións individuais enfocadas a cada caso particular. Esta iniciativa quere darlles a estas mulleres a posibilidade de acceder a un emprego e desenvolverse profesionalmente nun mercado de traballo cunha alta demanda.

O desenvolvemento do proxecto consta de tres fases: a de inicio, onde as mulleres teñen acceso a unha terapia psicolóxica, unha definición da traxectoria profesional que desexan transitar, e un asesoramento xurídico en materia de modalidades de contratos; unha segunda, enfocada en pasar á acción, coa formación en procura de emprego e en competencias para o emprego, e unha terceira e última, centrada na formación práctica en empresa, e nun acompañamento durante a incorporación ao posto.

Con iniciativas como esta, tanto as entidades beneficiarias das axudas, como o Plan Social de Ence, buscan contribuír a cambiar a realidade de mulleres que permaneceron sen poder acceder a un emprego por longas tempadas, e contribuír así ao seu benestar mediante a obtención dunha fonte de ingresos estable no tempo.

No Comments

Post A Comment

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2023.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)