Buscando o relevo no mar

Buscando o relevo no mar

O relevo xeracional na pesca de baixura é un problema que preocupa a moitos dos implicados neste sector. Os mozos non están interesados en desenvolver este traballo e os armadores viven cada vez máis unha maior dificultade para atopar persoal.

A Asociación Mar Seguro propúxose poñer solución a esta realidade. Paula Pardo, membro da organización, coméntanos que “o traballo no mar non parece ser o suficientemente atractivo para as novas xeracións” e, é por iso polo que decidiron poñer en marcha o proxecto emprégatenomar, un portal de emprego especializado no sector pesqueiro de baixura e orientado a establecer contacto entre os armadores e o público máis novo.

Aínda que desde a Asociación Mar Seguro confésannos que enfrontarse a ferramentas tecnolóxicas “cústalles un pouco aos armadores”, tamén cren que a través deste reto poderán incentivar esta vocación entre as novas xeracións. “O noso soño é chegar á xente máis nova, que coñezan o sector, que teñan en conta que existen outras saídas laborais, que quizais nunca se expuxeron, pero están aí, no porto pesqueiro que teñen á beira das súas casas” sinala Paula Pardo.

Para poder poñer en marcha este proxecto e conseguir substitución xeracional para este sector, contan co Plan Social de Ence. Grazas a esta axuda, poderán desenvolver a parte técnica do portal de emprego, así como deseñar unha imaxe atractiva e difundilo por toda a comarca de Pontevedra. “Queremos seguir axudando ao sector, fomentando unha pesca sostible, a igualdade de oportunidades, a competitividade e a creación de emprego, que faciliten a cultura en protección ambiental. Fíxose moito, pero aínda queda por facer” trasládannos desde a Asociación Mar Seguro.

A través do Plan Social, Ence mostra o seu apoio á xente do mar, co impulso a actividades produtivas que son fonte de riqueza e emprego na comarca, e compatibles cun uso sostible dos recursos que nos proporciona o rico ecosistema mariño.

 

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2024.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)