Salvar o oficio – Iago Tomé

Salvar o oficio – Iago Tomé

Iso de ‘profesión’ é algo moi moderno. Os avós sempre contan aquilo de que antes se aprendía un oficio, ao que un dedicaba horas e horas, que facía con especial detalle e agarimo e ao que se dedicaba practicamente ata o día no que falecía.

Iago Tomé é o perfecto exemplo diso. Este veciño do pobo mariñeiro de Campelo, situado fronte á Biofábrica de Ence en Pontevedra, leva máis de 20 anos tendo no mar o seu mellor amigo: “Dedícome á pesca da centola, choco, carioca, faneca, sardiña, entro outros”, relata.

A vontade de Tomé sempre foi dedicarse á pesca. “Ese soño consistía en ter o meu propio barco coa súa tripulación e poder xerar emprego”, admite. E conseguiuno con 25 anos, cando empezou a comandar o Avó Sebas e dedicarse á pesca de baixura.

Na embarcación, o armador traballa coa súa muller e o seu fillo, aos que se lles unen outros dous empregados; a bordo do Avó Sebas pasan moitas horas das súas vidas, algo que Tomei lembra con moito agarimo: “O barco é a miña casa, onde máis horas paso ao día, por iso tento telo nas mellores condicións posibles”.

Pero, para ben e para mal, as cousas xa non son como cando empezou. “Atopámonos con que as novas xeracións non queren vir para este bonito traballo”, afirma Tomé, e os armadores ven na necesidade de dotar aos barcos de tecnoloxía, para poder salvar o oficio.

Como non existe substitución xeracional, as embarcacións deben ser capaces de saír ao mar con menos persoas. Isto sucédelle ao veciño de Campelo, que espera que o oficio siga traspasándose de xeración en xeración e se esmera en buscar a maneira de facelo posible.

Neste sentido, Tomé quere “un barco punteiro en aparellos para poder aliviar o traballo á tripulación” e tamén desexaba mellorar a seguridade: “Hai moitas pedras que non se miran e por encima temos bateas, faros, … que, por desgraza, cobráronse vidas humanas na nosa Ría”, afirma.

Decidiu optar a unha axuda do Plan Social de Ence Pontevedra 2023 para poder instalar “un radar de última tecnoloxía e un soar para a detección do peixe”. Ao final, logrou ser beneficiario e comprou o radar, algo que xa ve que lle está axudando: “Con estas riadas baixan centos de troncos enormes pola Ría e grazas ao Plan Social detéctoos con moita precisión. A tripulación está máis segura”, admite.

Por todo iso, está moi agradecido ao Plan Social e desexa seguir optando nos próximos anos: “A miña idea é modernizar o barco todo o posible e deixarlle ao meu fillo un barco onde el, cun mariñeiro máis, poida seguir nesta digna e bonita profesión”. Todo por salvar o oficio.

No Comments

Post A Comment

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2023.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)