A Federación Galega de Piragüismo leva a educación ambiental ao deporte coa axuda de Ence

A Federación Galega de Piragüismo leva a educación ambiental ao deporte coa axuda de Ence

Afortunadamente, poucos ámbitos quedan xa aos que aínda non chegase a educación ambiental. Nun contexto consciente da súa importancia, a Federación Galega de Piragüismo non se quedou atrás: “Na normativa da Federación xa existe un apartado sobre medio ambiente. As medidas ou os permisos de moitas das zonas para poder facer a nosa actividade e os requisitos lexislativos de coidado da contorna aumentaron”, afirma José Alfredo Bea, presidente da Federación.

Entre as diferentes tarefas que desempeña esta institución sen ánimo de lucro está a de formar aos próximos técnicos e árbitros dun deporte que deu moitas alegrías á comunidade galega coa gran figura de David Cal. Relacionado con el está o lugar onde se imparten esas clases ás que este ano a Federación quixo engadir certo temario de educación ambiental. No Centro de Ensinos Deportivos Jesús Morlán Fariña, situado no Pontillón do Castro de Verducido e que debe o seu nome ao falecido adestrador que levou á gloria ao laureado piragüista, os próximos adestradores e árbitros puideron aprender algo máis sobre o coidado do medioambiente: “nun deporte como este, que se desenvolve en espazos naturais, é fundamental ter un respecto máximo polo medio ambiente”, sostén o presidente.

Todo xurdiu por mor da concienciación actual e a apertura da cuarta convocatoria do Plan Social Ence Pontevedra. Desde a Federación viron que era a oportunidade perfecta para engadir esta perspectiva á formación. “O que fixemos con este proxecto é implementar a normativa existente e adaptala aos novos estándares europeos sobre o respecto ao medio ambiente, que non son os mesmos que fai dez ou quince anos. As medidas ou os permisos de moitas das zonas para poder facer a nosa actividade e os requisitos lexislativos de coidado da contorna aumentaron”, explica Bea.

Así, 40 alumnos das catro provincias e uns cuantos árbitros da federación puideron formarse neste ámbito desde o pasado mes de outubro ata este mes de marzo, a través dunha iniciativa que esperan seguir levando a cabo durante os próximos anos xa que, como afirma Bea, “unha vez aberto o camiño xa non hai retorno”. E é que teñen claro que deben seguir formando neste sentido, tanto por convicción como polas esixencias das administracións. “O noso deporte desenvólvese en zonas de costa, de ríos, e esíxennos máis no que ao coidado do medio ambiente refírese”, menciona o presidente.

Así mesmo, admiten que a axuda do Plan Social foi transcendental para poñer en marcha o proxecto e reclaman que se deberían poñer máis medios para que estas colaboracións fosen posibles. “As entidades sen ánimo de lucro sempre demandamos unha lei de patrocinio máis atractiva para que o sector privado dea o paso que neste caso dá Ence, incentivando ese investimento en entidades sen ánimo de lucro, como ocorre noutros países de Europa”, postula Bea.

En calquera caso, desde a Federación móstranse alegres e esperanzados por como foi a primeira edición desta iniciativa porque, conclúe o Presidente, “no desenvolvemento de competicións nestes espazos debemos ser un referente”.

No Comments

Post A Comment

Chámanos

Atendemos as túas dúbidas sobre a Convocatoria 2023.

627 826 069

09:00h-14:00h y 16:00-18:00 (L-J)
8:00 a 15:00 h (V)